martes, 22 de septiembre de 2026

A comunidade educativa do Colexio Juana de Vega comparte a súa experiencia de ensino híbrido no marco do proxecto E-Dixgal

 A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey Rodríguez, visitaron este luns, 21 de setembro, o Colexio Juana de Vega, de Oleiros, para coñecer a experiencia da súa comunidade educativa na combinación de recursos dixitais e materiais impresos nas aulas no marco do proxecto E-Dixgal.

O encontro enmarcouse no impulso da Xunta ao modelo de ensino híbrido a través deste programa, no que participan 596 centros de toda Galicia e algo máis de 60.000 estudantes. A visita permitiu compartir experiencias do alumnado e do profesorado, recoller as achegas das familias e abordar as novidades previstas para este curso.

Un modelo que combina recursos dixitais e materiais impresos

O encontro serviu para afondar no desenvolvemento do modelo híbrido, que combina as ferramentas e os contidos de E-Dixgal con materiais editoriais e permite que cada centro seleccione os recursos máis axeitados ás súas necesidades pedagóxicas.

 

Este enfoque conta co apoio do 86,6 % das familias galegas, segundo a enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, realizada polo Instituto Galego de Estatística para coñecer a opinión das familias no proceso de elaboración da futura Lei de educación dixital de Galicia. Ademais, o 73,3 % valorou favorablemente o uso das ferramentas dixitais por parte do profesorado para apoiar a aprendizaxe.

 

Outros dos asuntos tratados foi o desenvolvemento da competencia dixital. Compartíronse experiencias que favorecen a autonomía do alumnado e a súa capacidade para empregar a tecnoloxía de maneira responsable, crítica e segura, tanto na aprendizaxe diaria como nas seguintes etapas da súa formación.

 

Novos materiais en papel e recursos manipulativos para as aulas.

Entre as novidades deste curso figura a incorporación de recursos educativos impresos e materiais manipulativos aos centros E-Dixgal. Para iso, a Consellería de Educación licitou un contrato por máis de 1,1 millóns de euros.

 

A dotación incluirá fichas didácticas, de repaso, ampliación e actividades prácticas, adaptadas aos distintos niveis e ás áreas de ciencias, linguas e matemáticas. Estes materiais permitirán traballar a comprensión, a expresión escrita, o razoamento lóxico, a creatividade e a investigación.

 

As fichas complementaranse con instrumentos de experimentación e medición, figuras xeométricas, mapas e xogos didácticos. Cada aula disporá dun moble contedor cos recursos organizados e identificados, en cantidade suficiente para facilitar o traballo en equipo.

 

A iniciativa irá acompañada de formación específica para o profesorado sobre a integración destes materiais na práctica docente e o uso de metodoloxías activas. Tamén se ofrecerán xornadas e talleres para orientar as familias no uso responsable e seguro da tecnoloxía e no acompañamento dos seus fillos na aprendizaxe.

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/50815

0 comentarios:

Publicar un comentario