A Xunta de Galicia convoca o I Premio Boas Prácticas de Benestar Dixital 2026, co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polos centros educativos para promover un uso seguro, responsable, ético e saudable da tecnoloxía. Neste contexto, os premios queren poñer en valor as iniciativas realizadas durante o curso 2025/26 para afrontar os retos da contorna dixital, como a prevención do ciberacoso, a protección da privacidade e da identidade dixital, o uso responsable dos dispositivos e das redes ou a promoción dun equilibrio saudable entre o ámbito dixital e a vida persoal, social e académica. Trátase de recoñecer aquelas actuacións, individuais ou colectivas, que contribúan a que o alumnado adquira ferramentas para utilizar a tecnoloxía de maneira crítica, responsable e segura.
O I Premio Boas Prácticas de Benestar Dixital establece dúas categorías. A categoría A está destinada aos centros que imparten Educación Infantil e Educación Primaria, mentres que a categoría B corresponde aos centros de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, Formación de Persoas Adultas e ensinanzas de réxime especial. En cada rango concederanse catro recoñecementos: un primeiro premio de 8.000 euros, un segundo de 4.000 euros, un terceiro de 2.000 euros e unha mención de honra de 1.000 euros. En total, a Xunta destinará 30.000 euros a esta primeira convocatoria.
O prazo para participar permanecerá aberto ata o 7 de outubro de 2026 e as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Os centros interesados deberán entregar unha única candidatura e achegar o modelo de solicitude, unha memoria descritiva da boa práctica, a folla de autobaremación e a certificación das persoas docentes que desenvolveron a iniciativa. A memoria deberá explicar a actuación realizada, os seus obxectivos, o desenvolvemento e os resultados acadados, de maneira que permita valorar o seu impacto na comunidade educativa.
Plan Integral de Benestar Dixital
Este primeiro premio enmárcase no Plan Integral de Benestar Dixital de Galicia, a folla de ruta que aprobou o Goberno galego o pasado mes de xaneiro para xestionar de forma axeitada o uso das tecnoloxías no ámbito educativo e contribuír á formación dunha cidadanía dixital consciente, responsable e comprometida. O plan conta cun orzamento de 7,4 millóns de euros e inclúe medio cento de medidas para avanzar cara a centros educativos que sexan contornas dixitais seguras e saudables, reforzando a prevención dos riscos asociados ao uso da tecnoloxía, a formación da comunidade educativa e a promoción de hábitos dixitais axeitados.








0 comentarios:
Publicar un comentario