Rueda anuncia a aprobación do anteproxecto de Lei de educación dixital, unha norma pioneira en España que consolidará o modelo galego de ensino híbrido
Uso da intelixencia artificial
A lei dedica un capítulo enteiro aos usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial na educación, facendo fincapé en que poderán empregarse os sistemas de IA cun carácter auxiliar ou de apoio na toma de decisións educativas, pero sempre baixo supervisión humana. Tal e como explicou Alfonso Rueda, Galicia convértese así na “primeira comunidade autónoma en regular a IA no ensino co obxectivo de aproveitar as súas potencialidades e minimizar os seus riscos”.
A este respecto, faise fincapé en que a intelixencia artificial pode ser unha ferramenta útil para facilitar a detección temperá de dificultades de aprendizaxe e proporcionar recursos educativos adaptados ao nivel e ritmo de aprendizaxe do estudante. Tamén para xerar ou adaptar materiais de apoio educativo.
No entanto, en ningún caso se poderá empregar a IA para a toma de decisións académicas, organizativas e administrativas e nunca poderá substituír a intervención directa e a capacidade de decisión do profesorado. Isto garante que o criterio final na avaliación do alumnado recaerá sempre no profesorado, isto é será o docente o que teña a decisión última ao respecto. Ademais, prohíbese o uso de sistemas de IA que impliquen recoñecemento facial, análise emocional ou seguimento biométrico, entre outros. En todo caso, os centros educativos só poderán empregar ferramentas dixitais autorizadas pola Consellería de Educación.
Desconexión e adecuación por idades
Galicia, recordou Rueda, será tamén a “primeira comunidade autónoma en regular o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo”, incorporando ao ámbito educativo un dereito que xa opera no ámbito laboral.
O uso da tecnoloxía nas aulas adecuarase en función da etapa educativa e da madurez do alumnado. Así pois, o uso dos medios dixitais en Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria limitarase a un uso colectivo e “o uso individual comezará a partir de 5º de Primaria”. Paralelamente, “o uso do móbil para fins pedagóxicos permitirase unicamente a partir de 3º da ESO, non en calquera curso como ata agora”, indicou.
Gravación das clases e docencia virtual
Alfonso Rueda explicou tamén que a norma recolle as condicións de gravación das sesións educativas e a docencia virtual, facendo fincapé no dereito do profesorado a exercer a súa actividade docente en condicións de respecto e de seguridade nas contornas dixitais do mesmo modo que acontece nas contornas físicas da aula e do centro.
Así pois, establécese que, salvo autorización expresa, “queda prohibida a gravación en audio ou vídeo das sesións de clase, titorías ou calquera outra actividade docente, tanto se son presenciais coma se se desenvolven por medios virtuais”, por parte de alumnos, familias e persoas alleas ao persoal docente. Queda prohibida tamén a súa reprodución ou difusión mediante redes sociais, servizos de mensaxería instantánea ou calquera outro medio dixital.
Non obstante, poderanse gravar clases e actividades con finalidade didáctica unicamente ou de seguimento académico, garantindo en todo caso o respecto aos dereitos fundamentais das persoas participantes. Isto está pensado para casos moi concretos como, por exemplo, un alumno cego que non pode seguir a clase e pide gravala para despois seguila na casa, ou clases de instrumentos nos conservatorios.
Exames en redes sociais e comunicacións coas familias
Así mesmo, a lei blinda que a actividade educativa dos estudantes se realice en condicións de dignidade, privacidade e respecto no ámbito dixital. Neste sentido, o profesorado non poderá utilizar, nas súas redes sociais ou medios dixitais persoais, nin imaxes, nin voz nin outros datos persoais do alumnado derivadas de actividades escolares, incluídos os exames, complementarias ou extraescolares, agás que exista autorización expresa.
No que atinxe á comunicación entre os centros educativos e as familias, só se poderá facer por medios autorizados pola Xunta. Isto é, a través de ferramentas como Abalar e non a través de grupos de WhatsApp, por exemplo.
Por outra parte, a Xunta dotará de identidade dixital todo o alumnado de centros públicos a partir de 5º de Primaria a través dunha conta de correo oficial, cun uso acoutado a fins exclusivamente educativos, e non terá carácter privado. O obxectivo é que, naquelas situacións formativas nos centros nas que sexa precisa unha identidade dixital, os estudantes poidan usar unha corporativa baixo parámetros de seguridade e privacidade.
Autoridade pública do profesorado e formación
Por outra parte, o titular da Xunta explicou que “se estende á contorna dixital a condición de autoridade pública do profesorado que xa opera na aula”. A partir da entrada en vigor da nova Lei de educación dixital, esta condición recoñecida xa na Lei de convivencia e participación da comunidade educativa será igualmente aplicable ás interaccións e actividades que o profesorado desenvolva a través de medios dixitais no exercicio das súas funcións docentes.
Formación do profesorado
No que atinxe á formación do profesorado, o texto inclúe como obrigatoria a formación dixital dos docentes en competencias que se consideren estratéxicas, e tamén se valorará estes coñecementos dixitais como méritos nos procesos selectivos.
Así mesmo, co obxectivo de garantir a coherencia entre a formación inicial nas facultades e a formación permanente nas aulas, facilitarase a formación do profesorado universitario en das facultades de educación en materia de ensino dixital.








0 comentarios:
Publicar un comentario