Enquisa: https://www.ige.gal/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?codigo=0705
O 92,2% das familias con fillos e fillas escolarizados na nosa Comunidade considera importante que exista unha lei que regule o emprego da tecnoloxía no ensino. Así se recolle na enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, realizada polo Instituto Galego de Estatística a petición da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para coñecer a opinión das familias no proceso de elaboración da futura Lei de educación dixital de Galicia.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o director do Instituto Galego de Estatística, Juan Carlos Reboredo, presentaron hoxe os resultados desta sondaxe, que avalía tamén cuestións como a valoración do modelo de ensino híbrido, o uso das plataformas educativas ou a restrición dos móbiles nos centros de ensino, entre outros.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou que a finalidade desta enquisa é “comprobar a opinión das familias, unha medida máis para garantir a maior participación na elaboración da Lei de educación dixital, a máis participativa na historia de Galicia, pioneira a nivel estatal e que aprobaremos no Consello da Xunta este mes”.
A este respecto, sinalou que a Consellería de Educación está completando os últimos trámites para levar a normativa á reunión semanal do Goberno galego e darlle así traslado ao Parlamento. “A gran cantidade de achegas presentadas dá conta do interese que está a suscitar esta lei e esta enquisa aválao”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, indicou que a Consellería percibe unha intensa preocupación das familias arredor de cuestións como o uso da tecnoloxía nas aulas. “Escoitando estas demandas puxemos en marcha medidas como a prohibición dos móbiles, que tiveron unha gran acollida e que tamén referenda esta sondaxe, cunha aceptación do 93% das familias”, salientou.
Ademais, no que atinxe ás redes sociais, o 93% estima axeitado establecer restricións no acceso aos menores de 16 anos. De feito, o 51,3% das familias usa mecanismos de control parental de forma habitual, especialmente na ESO (62,6%) e Primaria (61,2%).
“Coa Lei de educación dixital queremos ir máis aló, elaborando un texto amplo que recolle todo tipo de circunstancias que se poden dar no uso das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial nas aulas, desde o dereito á desconexión dixital ata a posibilidade de facer exames virtuais, pasando pola protección de datos”, incidiu Román Rodríguez.
Aposta polo modelo híbrido
Precisamente, unha das prioridades da futura lei é o reforzo do modelo híbrido do ensino xa avanzado, por exemplo, coas melloras introducidas no programa E-Dixgal. Neste sentido, o 86,6% das familias galegas aposta por este modelo nas aulas, combinando deste xeito os recursos dixitais e tradicionais convivindo en equilibrio.
A valoración das familias respecto á integración das tecnoloxías no modelo pedagóxico é maioritariamente positiva e, de feito, o 73,1% considera que as actividades dixitais están ben integradas co resto das tarefas e o 73,3% valora positivamente o uso que fai o profesorado destas ferramentas para contribuír ao proceso de aprendizaxe.
Así mesmo, o 65% das familias considera que as iniciativas de dixitalización educativa están a ter unha repercusión positiva na competencia dixital do alumnado. Deste xeito, máis do 75% percibe que os seus fillos saben manexar as plataformas dos centros, teñen autonomía no uso de ferramentas básicas ou saben organizar as tarefas dixitais.
A valoración descende ata o 64% cando se trata da busca de información fiable en Internet e do uso seguro da tecnoloxía. En liña con este resultados, a principal demanda das familias para mellorar o uso educativo das tecnoloxías e a formación en seguridade (63,1%). Outras demandas inclúen a formación ás familias (32,4%), maior orientación ao profesorado (26,9%) e unha normativa máis clara sobre o uso do móbil (23,5%).
Cómpre salientar que estas demandas terán resposta na futura Lei de educación dixital que, entre outras cuestións, recolle medidas como a limitación do uso pedagóxico do teléfono móbil, que non se incluirá ata 3º de ESO -ata o de agora ese uso está permitido con carácter xeral-, a adecuación do uso da tecnoloxía nas aulas en función da etapa e a madurez do alumnado ou máis formación para os docentes. Así mesmo, xa se está a intensificar a formación para as familias a través de diferentes xornadas e programas.
Desconexión dixital
En canto ao uso concreto das tecnoloxías, os proxenitores perciben que é habitual, cunha intensidade que aumenta a medida que avanza o nivel educativo, de tal forma que o 64,9% do alumnado galego utiliza as tecnoloxías dixitais no centro educativo de forma frecuente ou moi frecuente. Esta tendencia é máis elevada en Formación Profesional (79%), Bacharelato (78,5%) e ESO (78,5%), mentres que en infantil baixa ata o 30,6%.
Neste senso, o 63,3% do alumnado galego utiliza de forma habitual plataformas dixitais educativas do centro. Entre aqueles alumnos que utilizan plataformas dixitais (80,9%), os usos máis frecuentes son a comunicación entre profesorado e alumnado (69,6%), o envío e entrega de tarefas (68,3%) e a avaliación (64,8%). De feito, o 86% do alumnado galego realiza, ben de forma habitual ou esporádica, algunha tarefa escolar utilizando tecnoloxía, xa sexa no centro ou no fogar, cun uso menor en Infantil (63,5%) e Primaria (73,5%) é case universal no resto das etapas. Con todo, as familias pensan que se pode mellorar o tempo dedicado a estas tarefas e, en concreto, o 51,5% considera axeitado o tempo que o alumnado dedica as tarefas, mentres que un 30,1% o percibe excesivo.
A este respecto, cómpre sinalar que o texto da lei regula por primeira vez o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo. Tamén fixa que a comunicación entre os centros e as familias só se poida realizar por medios autorizados pola Xunta. Isto é, a través de ferramentas institucionais como Abalar e non WhatsApp.
A día de hoxe, tal e como recolle a sondaxe, a comunicación dixital entre as familias e os centros é case universal, de tal forma que o 98,4% das familias emprega aplicacións como AbalarMobil. A valoración destas ferramentas é moi positiva: para o 92,3% das persoas son bastante ou moi útiles; o 91,6% non teñen dificultades para empregalas; o 90,8% non considera excesivo o número de mensaxes ou notificacións que recibe, e o 87,9% sinala que melloran a rapidez coa que reciben información do centro.
Uso doméstico
Ademais das preguntas sobre educación dixital, incorporáronse preguntas de contexto, entre elas o uso doméstico das novas tecnoloxías. Os datos compilados indican que os fogares do alumnado presentan un alto nivel de acceso e equipamento dixital, con acceso a internet no 99,3% dos casos. O 83,1% dispón dalgún dispositivo electrónico para uso escolar, con maior porcentaxe a medida que avanza o nivel educativo.
En relación coas competencias dixitais das familias para apoiar aos seus fillos, o 86,9% declara dispoñer dun nivel aceptable. Tamén resulta relevante a dispoñibilidade no fogar dun espazo axeitado que favoreza o estudo, co que contan o 85,1% das familias.
A enquisa realizouse de forma telefónica a un total de 1.108 persoas con algún fillo matriculado en ensinanzas non superiores en Galicia (excluíndo estudos universitarios e FP superior) entre o 13 e o 30 de marzo. Tívose en conta a distribución territorial, o tamaño do municipio de residencia e aplicáronse cotas de nivel de ensinanzas dos fillos.








0 comentarios:
Publicar un comentario